- A porcentaxe de inmunes é maior a medida que aumenta a idade
Arredor de 30.000 persoas están inmunizadas fronte á Covid-19 en Galicia, o que supón un 1,15% da poboación. Estas son algunhas das conclusións do Estudo de seroprevalencia fronte á Covid-19 que está realizando o Sergas e que se presentou esta mañá en rolda de prensa.
Polo de agora levouse a cabo a primeira das fases do estudo. Para realizala, contactouse con 61.836 persoas seleccionadas de xeito aleatorio polo Instituto Galego de Estatística, das que 44.832, o 72,5%, realizaron o test. Delas, 385 deron resultado positivo.
Por territorios, a provincia coa maior prevalencia, é dicir, a proporción de xente que sería positiva dado o resultado da proba, é Ourense. Os datos indican que o 1,88% da poboación da provincia, isto é 5.609 persoas, estarían inmunizadas. En Ourense realizáronse un total de 6.983 probas, das que 94 arroxaron resultados positivos.
Pola contra, a provincia de A Coruña é que a rexión con menos persoas inmunes, xa que alcanzou un 0,77%, que se correspondería con 8.436 persoas.
A prevalencia de inmunes aumenta coa idade, tanto en homes como en mulleres, pasando do 0,56% nos menores de 19 anos cun total de 2.196 persoas nese tramo de idade inmunizadas, ao 1,64% no grupo de 65 anos en diante, con 10.959 persoas con anticorpos.
Con este estudo, a Consellería de Sanidade busca un triplo obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.