O ex director de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea declara no xuízo do Alvia


Este xoves declara no xuízo polo accidente do Alvia o ex director de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr. Esta axencia censura a única investigación oficial que fixo o Estado español sobre o sinistro ao advertir que non analizou “elementos clave” máis aló do exceso de velocidade co que o tren tomou a curva da Grandeira. No seu informe, a ERA cargou tamén contra a falta de independencia da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF), a responsable da investigación que só responsabiliza ao maquinista. Pola súa banda, a plataforma de vítimas do accidente mantén aberto un contencioso no Tribunal Supremo para esixir independencia na CIAF.

No xuízo están procesados o maquinista Francisco Garzón, que tomou a curva cun exceso de velocidade, e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por estar á fronte do departamento da empresa pública ao que correspondería a análise de riscos da liña.

Ata o momento, a xuíza, o fiscal e as distintas partes interrogaron tanto aos acusados como a unha serie de testemuñas e peritos por cuestións clave como o aviso do risco que había na curva e que transmitiu un xefe de maquinistas e a sinalización na liña e o feito de que algúns maquinistas tomasen como referencia para iniciar o freado de 200 a 80 quilómetros por hora un sinal en vía libre.

A utilización dos teléfonos móbiles corporativos, a formación –que no caso de Garzón se realizou só pola vía 2 e non pola 1, que era a configurada en vía libre– e a documentación sobre os riscos achegada por Ineco e pola unión temporal de empresas (UTE) que forneceu o sistema de seguridade ‘ERTMS’ foron outros dos puntos quentes nestes case dous meses de xuízo.

Coincidindo coa participación de Carr no xuízo, a plataforma de vítimas do sinistro convocou unha concentración na Cidade da Cultura, sede temporal do xulgado do penal número 2 de Santiago.