O ex-xefe de seguridade do Playa Club acepta 6 anos e un día de cárcere


A Audiencia Nacional impuxo penas mínimas á organización criminal dedicada ao tráfico internacional de drogas liderada polo ex-xefe de seguridade do Praia Club da Coruña na época de Lendoiro á fronte do Deportivo, Miguel Ángel González López, alcumado “Messi”, tras a confesión na vista oral de case todos os procesados. O xefe da banda converteu a un grupo de coñecidos do mundo da noite dedicados á venda de pequenas doses de cocaína ás portas de locais coruñeses de hostalería (a 13 dos procesados recoñecéuselles a atenuante de toxicomanía) nunha organización moi xerarquizada e lanzouse ao tráfico de drogas a gran escala. Así, estableceron contactos con traficantes estranxeiros -latinoamericanos e albaneses-, e introduciron cocaína mediante contedores polo Porto de Vigo -onde contaban coa colaboración dun garda civil xulgado con eles- e tamén por vía aérea por Londres, París e Ámsterdam, para o que utilizaban “mulas” que chegaban coa droga ao aeroporto de Madrid.