O rexedor, Iago Toba, cualificou esta celebración, debido á petición de BNG e Independentes por Muxía, como un “gasto innecesario para a veciñanza os 600 euros que custa realizar este pleno extraordinario, cando todo se podería ter aprobado a próxima semana, na que xa estaba programado un pleno ordinario”.
Toba considera “un erro que nos forcen a convocar este pleno para aprobar unhas obras que xa estaban aprobadas previamente e, mesmo nalgún caso, adxudicadas”.
Toda a corporación votou a favor de todos os puntos da orde do día xa que, segundo indica o rexedor “non imos votar nunca en contra de ningunha proposta que signifique a mellora para o noso municipio, pero si que sentimos que estes grupos políticos non teñan máis rigor á hora de realizar unha proposta plenaria seria”.
Por último, o dirixente municipal asegura “sentirse perplexo ante a falta de coñecemento dos grupos convocantes do sistema democrático de plenos e comisións informativas, que mesmo deron a entender que se limite o dereito de información para comisións xerais, de urbanismo, etc. Unha actitude e unha proposta totalmente contraria á lei e mesmo votada de xeito favorable no pleno organizativo”.
O executivo local aproveitou a quenda de rogos e preguntas para solicitar ao partido de Independentes por Muxía “que deixen de crispar á veciñanza”.