O Exército británico comezará este luns a distribuír combustible nas gasolineiras do Reino Unido para tratar de paliar a actual e dramática falta de transportistas no país. O ministro de Defensa Ben Wallace era o encargado de confirmalo: «Serán máis de 200 durante a próxima semana», anunciaba Wallace. «O groso destes soldados traballa xa esta fin de semana e será despregado o luns. Ao final da semana, outros 60 ou 70 estarán tamén dispoñibles, así que haberá máis de 200 para o final da semana, como mínimo».
A pesar de que tanto Goberno como petroleiras insistían nos últimos días en que a situación se estaba «estabilizando», o certo é que máis dunha cuarta parte das gasolineiras independentes do Reino Unido seguían este venres cos seus surtidores baleiros, segundo datos da Asociación Nacional de Comerciantes polo miúdo. O Goberno británico tamén permitirá de maneira inmediata a entrada temporal de 300 camioneiros estranxeiros, que poderán permanecer no Reino Unido para traballar ata finais do próximo mes de marzo.
A crise do combustible atribuíuse ata o de agora ao Brexit, o cal provocou que moitas decenas de miles de condutores abandonasen o Reino Unido e regresasen aos seus fogares na Unión Europea, ao que hai que engadir unha serie de restricións de peche causantes de múltiples dificultades á hora de formar a novos condutores nacionais para substituír aos que se foron.
