O faro de Lariño converterase nun hotel

A carón da praia de Lariño, no concello de Carnota, érguese desde 1921 o faro de punta Insua. As súas vellas instalacións, abandonadas desde hai anos, vanse converter proximamente nun pequeno hotel de dez habitacións. O Consello de Ministros autorizou o seu aproveitamento para uso turísitico dentro do proxecto Faros de España. A idea é fomentar un turismo sostible e de calidade na contorna onde está situado.
Os traballos de rehabiltación do faro comezarán este verán. Os responsables do hotel agardan que poida abrir para a Semana Santa do próximo ano. A pesar desta nova vida, o faro seguirá prestando axuda á navegación marítima, tal como vén facendo desde hai cen anos.