Iniciativa do FC Barcelona para colaborar na loita contra o coronavirus. O equipo «blaugrana» cederá á súa Fundación a explotación do futuro patrocinador que dea nome ao seu mítico estadio Camp Nou durante a próxima tempada. Os ingresos xerados irán destinados a futuros proxectos de investigación que analizarán os efectos da enfermidade e que levarán a cabo, tanto en Cataluña, como noutras partes do mundo.
No seo do Barça consideran «indispensable» que, nestes momentos de crise sanitaria, se poñan en xogo «todos os activos dispoñibles» da entidade para loitar contra a pandemia e as súas consecuencias. Así, durante as próximas semanas, abrirase un proceso para atopar un patrocinador que queira adquirir os dereitos para dar nome ao campo culé. A súa achega servirá para crear un fondo que se dividirá en varias partes. Unha dedicarase a un proxecto sobre a COVID-19, impulsado polo mesmo patrocinador, e o resto repartirase entre outros proxectos aínda sen precisar que se desenvolvan de maneira paralela.