O Festiletras galardoado polo seu compromiso feminista co rural

Julia Bermúdez_Cedida.

A Deputación da Coruña e FADEMUR entregaron este venres os seus recoñecementos no marco do Día Internacional da Muller Rural. Un dos colectivos premiados foi o Festiletras do Couto en Ponteceso. Julia Bermúdez, unha das mulleres máis activas do festival e das actividades que realiza a familia do Couto, foi a que acodiu á Granxa O Castiñeiro de Ordes a recoller o galardón.

O Couto, lugar da parroquia de Cospindo no concello de Ponteceso, conta con apenas 150 habitantes, e dende hai anos convértese por uns días no centro da cultura, da arte, da música, das tradición e os oficios. Cada ano dende hai máis de 30, Festiletras renova a súa oferta de música, cultura, obradoiros, mostra artesá, demostracións de oficios, xogos populares… tratando de achegalo á xente de distintas idades que se achega pola aldea do Couto, no que os espazos comúns e os privados están a disposición dos visitantes e do encontro cultural.

Así a Casa das Veciñas, a Eira de Gervasio ou a da Cantexa, son de súpeto lugares de encontro de grandes artistas galegos, con un público chegado de tódolos lugares. Para a organización de esta actividade e outras que se levan a cabo no Couto, hai unha tradición entre a veciñanza de participación, de alianza, de colaboración e de voluntariado, no que cada quen aporta o seu tempo e o seu mellor saber. Neste intercambio tamén hai unha compoñente de colaboración interxeracional que fai de este proxecto unha aposta singular.