O Concello de Cabana pechou este domingo a súa programación cultural do mes de novembro co festival ‘As Nosas Músicas’, unha cita que recolleu as actuacións de diferentes agrupacións locais ante unha bancada con todos os asentos cubertos.
Foliadas, pasodobres, muiñeiras, valse… A música comezou a soar no auditorio municipal de man de Os Farrapos de Cesullas, que interpretaron pezas como ‘Rumba Monte Alegre’ ou a ‘Foliada de Tenorio’, ou co dúo de Manuel e Jacinto e o clásico ‘Palomita’.
O público asistente, con veciñas e veciños de todas as idades, gozou con cada unha das interpretacións dos seis grupos citados no festival. Eloy Mato, Xuntanza de Cabana, My Way e O Son do Castro completaron o cadro de agrupacións que pasaron polo escenario.
Esta cita pechou o calendario de actividades programadas dentro do ‘Outono cultural’ para o mes de novembro. A programación concluirá coas actuacións ‘O arquivo do Chibo’, de Os Contos de Pablísimo (4 de decembro, 18:00 horas) e ‘Novos lobos’, de Fantoches Baj (6 de decembro, 18:00 horas), ambos no centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Cómpre reservar asentos de xeito previo chamando ao 981 754 020.
