O festival Carballo Interplay, premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2021

Carballo Interplay

  • O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e o proxecto patrimoniogalego.net son outros dos galardoados

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay foi galardoado co Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2021 xunto co Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e o proxecto patrimoniogalego.net, que leva máis de dez anos recompilando o patrimonio da comunidade galega e xa conta con máis de 12.000 bens inventariados.

O xurado, integrado por representantes da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, distingue o Carballo Interplay polo seu carácter pioneiro, sendo o primeiro festival de webseries do Estado. Despois de oito edicións e sempre atendendo ás novas linguaxes, os seus contidos «van máis aló da ficción seriada e buscan explorar as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor más transgresor, a non ficción, a cultura dixital, o patrimonio audiovisual dixital ou a performance interactiva, sempre co vídeo como base», afirman desde a organización do certame. Así mesmo, o xurado decidiu conceder un Premio Especial ao creador ourensán Alfredo Iglesias, editor da coñecida revista Coralia, recentemente falecido.

O premio Rodolfo Prada está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que desenvolvan iniciativas culturais vinculadas a Galicia e toma o seu nome do galeguista Rodolfo Prada, unha figura histórica da emigración galega en Bos Aires, onde chegou a ser o gran valedor de Castelao. O galardón está dotado cunha aportación da Deputación de Ourense de 3.000, 2.000 ou 1.000 euros para os proxectos gañadores. Ademais, todos os premios van acompañados dunha escultura conmemorativa do escultor ourensán Manuel Buciños e un diploma acreditativo.

O acto de entrega dos galardóns está programado para ás 19:00 horas deste venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense dentro da programación da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense – ICC Week 2021. O Concello de Carballo estará representado polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira.