O festival de teatro infantil abriu na Laracha a programación cultural de Nadal

1 minutes read

O Concello da Laracha comezou a desenvolver o programa cultural municipal de Nadal co tradicional Festival de Teatro Infantil ao que asistirá en horario lectivo o alumnado dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión.

En total pasarán pola Casa da Cultura da Laracha máis de oitocentos nenos deses tres centros para desfrutar da peza O mundo máxico de Pinocho, unha adaptación ao teatro musical do clásico conto infantil a cargo de Educa Teatro.

Este luns realizáronse as dúas primeiras funcións coa presenza de todo o alumnado do CEIP de Caión e o de infantil do CEIP Otero Pedrayo. Entre este martes e o mércores realizaranse outros catro pases (inicio ás 10:00 e ás 12:00 horas) para o alumnado de primaria do CEIP Otero Pedrayo e o do CEIP Alfredo Brañas.

Ao remate de cada unha das seis funcións Papá Noel, acompañado por un dos seus elfos, preséntase na Casa da Cultura para saudar aos nenos e mestres asistentes, agasallarlles con caramelos e desexarlles unhas felices festas.