O Festival de Títeres de Vilaño convida a gozar dunha fin de semana de teatro e faladoiros no rural da Laracha

1 minutes read

O FITVI – Festival Internacional de Títeres de Vilaño, na Laracha, arrincou este venres coa representación de Pekeno Kabaret de Tolos, da compañía Títeres Alakrán, dirixida ao alumnado do IES Agra de Leborís. Esta primeira actividade dá paso a unha fin de semana de propostas culturais abertas a todos os públicos.

Organizado pola Asociación Cultural Adro de Vilaño, o festival nace baixo o lema Entre Verzas e Monicreques cun obxectivo que vai máis alá dos espectáculos de títeres e narración oral. A comunidade, o encontro entre xeracións e a recuperación da memoria do territorio son os grandes protagonistas desta primeira edición.

Para iso, o FITVI combina representacións teatrais con faladoiros, obradoiros e actividades participativas que buscan reunir persoas de todas as idades, recuperar historias e tradicións locais e poñer en valor espazos que forman parte da identidade da parroquia.

Unha fin de semana de cultura e comunidade

A programación continúa este venres pola tarde no Muíño das Fervenzas, co espectáculo Unha árbore vén vernos, de Anxo Moure, e un obradoiro de creación para a cativada.

O sábado 10, as actividades desenvolveranse na Fonte da Areosa e no Muíño das Fervenzas, con teatro, narración e encontros. Pola tarde, o Castro de Montes Claros acollerá Latexos, de K’Paparota Teatro, ademais dun faladoiro sobre as lendas do territorio e un pícnic comunitario.

O domingo 11, o festival trasladarase ao antigo salón de baile de Gendes, na Areosa, cun espectáculo do titiriteiro arxentino Manu Mansilla, un faladoiro sobre a memoria deste emblemático espazo e unha actividade final de música e baile.

Información sobre os aparcadoiros

O aparcadoiro de referencia para todas as actividades será o Adro de Vilaño, coa única excepción da programación do sábado pola tarde no Castro de Montes Claros, para a que se habilitará a finca contigua ao aparcadoiro do Pazo Montesclaros.