O Festival Galego de Cabaré volve á Coruña con catro espectáculos

2 minutes read
  • O festival, que se celebrará do 25 ao 28 de marzo, mestura teatro e o circo para crear un programa satírico e irreverente

O próximo 25 de marzo arrincará no Teatro Colón a undécima edición do Festival Galego de Cabaré que, con catro espectáculos que mesturarán o teatro, a danza, a música e o circo, converterá a cidade na capital dun xénero que abraza distintas formas de expresión baixo a mesma creación escénica.

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, mostrou a súa satisfacción polo regreso do festival á cidade tras uns anos de ausencia cun programa «irreverente, satírico e onde a música, o baile, o humor, a maquillaxe e o vestiario se unen nun espectáculo de gran forza, onde o cabaré é cabaré e nada máis».

O coordinador do festival, Nelson Quinteiro, agradeceulle ao concello o apoio que lle prestou ao festival que chega da man de máis dun centenar de artistas procedentes de distintas disciplinas, pero todas enlazadas polo mesmo fío condutor de «aleivosía, nocturnidade e un pouco de perversión».

O pistoletazo de saída darao o mércores 25 de marzo a compañía El Burlesco Malandrín con «Cabaresque», un espectáculo que mestura o cabaré, o burlesque, o show de variedades do xénero da revista española con toques de jazz, tango e un chisco de «canallismo».

O programa inclúe o xoves 26 unha homenaxe a Pía Tedesco con «Life is a cabaret», unha adaptación de diversos espectáculos da compañía de Nelson Quinteiro a través de pezas interpretadas pola artista arxentina.

O venres 27 será a quenda de «Paseando o swing» da man da Swing Machine Orchestra, unha oferta xenuína a cargo dunha banda de doce músicos de corda e bailaríns de distintas procedencias que realizarán un percorrido pola época dourada do swing.

O festival baixará o pano o día 28 coa gala «Femme fatale» na que todo o protagonismo xirará ao redor da vertente feminina do cabaré.

O programa incluirá dúas master class sobre creación de personaxes, linguaxe corporal e de como poñer en marcha espectáculos de sedución burlesque.