O Festival Mar de Mares converterá A Coruña na capital mundial dos océanos

1 minutes read

Na mañá deste venres tivo lugar a presentación das actividades do Festival Mar de Mares que dende o 18 de setembro e ata o 20 de outubro converterá A Coruña na capital mundial dos océanos. O representante do goberno autonómico, Ovidio Rodeiro, destacou que “este encontro permitirá observar o mar dende os seus diferentes ámbitos: o científico; o ecolóxico, o artístico, o gastronómico e o económico”.

E apuntou que “este tipo de eventos axudan moito na tarefa de concienciar a toda a cidadanía da importancia de mellorar o valor engadido dos nosos produtos e recursos mariños e conseguen ligar aos mesmos á sustentabilidade ecolóxica para garantir o equilibrio natural deste fráxil ecosistema”.

O Mercado do Mar que terá lugar o sábado 21 e o domingo 22 de setembro na explanada do Parrote é un dos principais eventos deste festival e xa se converteu nunha das actividades máis salientables, mediáticas e máis multitudinarias. Esta cita ten como obxectivo visibilizar e apoiar a comercialización de produtos e servizos de empresas e entidades que empregan os recursos mariños de xeito sostible.