O Festival Sinsal sorprenderá o público cun cartel secreto de 26 bandas de 18 países

1 minutes read

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia sorprenderá esta fin de semana o público que acuda un ano máis á Illa de San Simón para gozar cun cartel musical secreto e que estará conformado por 26 bandas procedentes de 18 países. A Xunta apoia este encontro musical a través da marca FEST Galicia e mediante as subvencións a festivais profesionais de música e artes escénicas, liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 575.000 euros para contribuír neste 2023 á celebración de 26 eventos considerados estratéxicos.

O director da Axencia das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a deputada da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, desprazáronse ata San Simón para visitar a montaxe dos escenarios deste festival na compaña dos seus responsables, Luís Campos e Julio Gómez, e representantes doutros patrocinadores da iniciativa privada.

A visita transcorreu polas dúas illas do arquipélago, cuxo patrimonio natural e cultural lle outorga unha especial singularidade a este encontro, recoñecido pola crítica musical a nivel estatal por brindar unha coidada selección de nomes de vangarda. O público, pola súa banda, avala tamén cada ano de forma rotunda a calidade da programación deste festival, tal e como o demostra a venda de entradas, que xa levan días esgotadas.