- 358 expertos de todo o Estado participaron na consulta anual do Observatorio da Cultura para escoller ‘O mellor da cultura’ do 2021
O Festival Internacional Outono de Teatro – FIOT de Carballo acada un novo recoñecemento ao situarse no top 10 dos proxectos culturais máis relevantes de Galicia no 2021. A Fundación Contemporánea presentou este ránking tras a consulta anual realizada polo Observatorio da Cultura a un panel de expertos formado por máis de mil profesionais da cultura de primeiro nivel. Nesta ocasión participaron 358 dos ámbitos público, privado e independente, e froito das súas valoracións coñecemos ‘O mellor da cultura’.
O FIOT figura entre os 10 proxectos culturais máis importantes da comunidade dende o primeiro informe emitido polo Observatorio da Cultura, cuxo principal obxectivo é dar visibilidade a unha oferta cultural moi ampla, diversa e de gran calidade ao longo de todo o territorio estatal. Mención especial ao esforzo realizado por institucións, organizacións e profesionais para seguir producindo cultura durante a pandemia.
No ránking estatal non figura ningunha actividade de Galicia, e no autonómico sitúanse nos 9 primeiros postos e por esta orde: o Teatro Rosalía de Castro, a Cidade da Cultura, Cineuropa, o Centro Galego de Arte Contemporánea, Festival de Cans, Culturgal-Feira das Industrias Culturais, Festival Sinsal de San Simón de Redondela, Mostra de Cinema Periférico A Coruña e Real Filharmonía de Galicia. Isto converte ao FIOT no primeiro festival de teatro da comunidade autónoma, seguido do de Ribadavia.