O “FIOT en pausa” arrinca este venres coa estrea da ficción sonora “A lúa, válvula de spray”

Presentación da obra sonora "A lúa, válvula de spray"_FIOT en pausa

  • A peza é o primeiro proxecto do FIOT Fónico, unha nova liña de programación que procura introducir á cidade no teatro a través das novas tecnoloxías

A ficción sonora A lúa, válvula de spray dará o pistoletazo de saída ao FIOT en pausa. A peza, de Rosalía Fernández Rial, é o primeiro proxecto que forma parte do FIOT Fónico, unha nova liña de programación que procura explorar as novas linguaxes teatrais e formatos a través da tecnoloxía. O FIOT implícase así na experimentación escénica cunha iniciativa propia, realizada en coprodución co LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible), que conxuga as artes escénicas co espazo urbano.

Con A lúa, válvula de spray, Fernández Rial realiza unha primeira incursión nos textos teatrais a través dunha peza marcada pola noite de San Xoán, e que cambia para sempre a vida dos tres protagonistas. O espectáculo, dirixido por Quico Cadaval e no que participan Melania Cruz, María Roja e Santi Romay, emprega oito dos murais que se atopan no espazo público de Carballo como escenario, ofrecendo así a oportunidade de gozar dun espectáculo itinerante único e innovador para o que só é preciso dispor dun dispositivo móbil coa súa correspondente aplicación.

Durante o FIOT en pausa, a veciñanza poderá asistir, como en calquera espectáculo teatral convencional, ás distintas funcións (un total de sete) que se ofrecerán da obra. Para poder facelo, previamente deberán realizar unha reserva da praza vía whatsapp, enviando ao teléfono 604 008 235 unha mensaxe na que indiquen o seu nome, apelidos e función a que desexen asistir. Unha vez que a organización confirme a asistencia, para poder asistir á función as e os espectadores unicamente deberán descargar a aplicación gratuíta “Carballo a un paso” no seu teléfono móbil, e introducir un código.

Unha vez finalice o FIOT en pausa, o vindeiro domingo 18, a obra permanecerá á disposición da cidadanía a través desta aplicación da Concellería de Turismo e Promoción Económica.