O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, botaba o pano este luns con todas as entradas esgotadas para o seu Programa de Sala, pero non puido ser.
Segundo o comunicado oficial, un problema técnico ocorrido minutos antes do comezo da función (a placa que controla o son e a iluminación queimouse repentinamente e sen posibilidade de reparación de forma inmediata), para garantir a seguridade do público e do equipo técnico e artístico, e para poder ofrecer a función coas condicións óptimas de exhibición, o festival e a compañía tiveron que tomar a decisión de cancelar a función deste luns.
A compañía de forma xenerosa ofreceuse para realizar este martes a función unha vez solventados os problemas técnicos para que o público do FIOT poida gozar do espectáculo. Como decimos, será este martes 1 de novembro, ás 20h no Pazo da Cultura.
As entradas adquiridas serán válidas para a nova data. Para información sobre devolucións, escribide ao correo electrónico fiot@fiot.gal.
Finalmente, a última función do Programa de Sala deste 2022 será o 1 de novembro. Chegará da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT. Precisamente esta última representación afondará nun dos retos principais deste ano do festival, como é a sustentabilidade e, particularmente, e inclusión e atención ás diversidades.
Coa colaboración do CDG, o público asistente poderá gozar do espectáculo con audiodescrición. como xa aconteceu na función de ‘Pirolíticos’, e interpretación en lingua de signos, ao igual que nas pezas da Rúa dos Contos ‘Habito terra’ ou ‘Contando polos dedos’, que nesta ocasión será proxectada sobre os lateriais do escenario. Aquelas persoas con diversidade visual ou auditiva -ou portadoras de audífono- que queiran facer uso do servizo do dispositivo de lazo magnético ou coñecer o funcionamento do sistema, poden escribir un correo electrónico a fiot.carballo@gmail.com.