O FIOT fai fronte ao 2020 cun parón presencial, pero non cultural

3 minutes read
  • A 29ª edición do festival non se celebrará, pero si que haberá unha programación teatral especial entre os días 9 e 18 de outubro nomeada FIOT en pausa

Este ano o Festival Internacional Outono de Teatro, máis coñecido como o FIOT, non poderá celebrar a súa 29ª edición debido á situación sanitaria actual. Así o anunciou na tarde deste martes o director do certame e da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro. “Ás veces, para continuar, cómpre facer unha parada, coller folgos e reiniciar”, destacou Sueiro, quen ademais sinalou que esta pausa obedece ao obxectivo de poder garantir “o futuro e a viabilidade nos vindeiros anos dun festival necesario para fornecer o tecido cultural e escénico de Galicia como da propia entidade cultural que promove a cita”.

No acto, no que tamén participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, o director do FIOT fixo fincapé no duro traballo realizado por todas as persoas involucradas no festival durante os últimos meses. Ademais, expresou que decidiron agardar ata o último momento xa que “contabamos cunha extensa programación, con numerosas actividades para todos os públicos e funcións con compañías galegas, estatais e internacionais, pero a incerteza provocada polo contexto sanitario, a redución de butacas nos recintos culturais e a dificultade de financiación impiden que desenvolvamos esta 29ª edición”.

Malia a parada deste ano, a asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo comprométense a ofrecer unha programación escénica no mes de outubro para manter a súa aposta polo tecido cultural. Así, entre os días 9 e 18 de outubro, celebrarase FIOT en pausa, unha programación que incorpora “o selo de calidade do FIOT” e que achegará algúns dos traballos máis destacados e laureados da tempada escénica a Carballo. Pezas como Curva España, de Chévere (sábado 10), A lingua das bolboretas, recentemente estreada en Ourense (luns 12), Liberto, que opta a 7 galardóns nos Premios María Casares (sábado 17), ou Prostitución, que conta no seu reparto con Carmen Machi e Nathalie Poza (domingo 18), representaranse o vindeiro mes no Pazo de Cultura de Carballo.

ENTRADAS E INFORMACIÓN. A limitación da capacidade dos recintos culturais por prevención da Covid-19 supoñen tamén unha redución no número de entradas dispoñibles para as funcións deste FIOT en pausa. Nos vindeiros días tanto a Asociación Cultural Telón e Aparte como o Concello de Carballo ofrecerán con máis detalles información sobre o proceso de obtención dos billetes de acceso aos espectáculos, e lembran que as pezas do Metro Cadrado son de acceso gratuíto, previa reserva ao correo fiot.microteatroentrada@gmail.com.

Promo FIOT 2020

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?