O FMI propón un imposto aos ricos e acelerar o acceso global ás vacinas


Un imposto “temporal” aos ricos e a aceleración do acceso global ás vacinas. É o que pediu o Fondo Monetario Internacional (FMI) na súa asemblea de primavera. Asegura que “a principal arma que temos para revitalizar o crecemento (económico) son as vacinas”. “Se o progreso na vacinación se acelerase aínda máis e chega a todos, os beneficios sanitarios, sociais, económicos e financeiros serían enormes. A vacinación pode ser o proxecto público mundial de maior rendemento xamais identificado”, declarou Vitor Gaspar, director do Departamento de Finanzas Públicas do FMI. Esta semana, o FMI elevaba as previsións de crecemento económico global ao 6%, medio punto máis que fai tres meses, polo repunte de China e Estados Unidos. Aínda que tamén alerta dunha “recuperación a varias velocidades”. Ante esta situación, propón un imposto “temporal” ás rendas máis altas, para facer fronte ás crises provocadas pola pandemia.