Un imposto «temporal» aos ricos e a aceleración do acceso global ás vacinas. É o que pediu o Fondo Monetario Internacional (FMI) na súa asemblea de primavera. Asegura que «a principal arma que temos para revitalizar o crecemento (económico) son as vacinas». «Se o progreso na vacinación se acelerase aínda máis e chega a todos, os beneficios sanitarios, sociais, económicos e financeiros serían enormes. A vacinación pode ser o proxecto público mundial de maior rendemento xamais identificado», declarou Vitor Gaspar, director do Departamento de Finanzas Públicas do FMI. Esta semana, o FMI elevaba as previsións de crecemento económico global ao 6%, medio punto máis que fai tres meses, polo repunte de China e Estados Unidos. Aínda que tamén alerta dunha «recuperación a varias velocidades». Ante esta situación, propón un imposto «temporal» ás rendas máis altas, para facer fronte ás crises provocadas pola pandemia.