O Fogar Natación acadou en Carballo o seu segundo ascenso consecutivo

1 minutes read

A piscina municipal Carballo Calero acollía a Final da Liga Galega de Clubs de Natación na súa segunda división; proba na que o Fogar se xogaba o título e o ascenso a primeira en confrontación directa co C.N. Arteixo e o C.N. Vigo Rías Baixas. AD Fogar afrontaba a xornada coa determinación de acadar o ascenso pero tamén co firme desexo de loitar polo título ata o final e non defraudaron. Pola mañán xa avantaxaban en 64 puntos ao Rías e mantíñanse dentro do previsto a 28 puntos do Arteixo. Pola tarde e coa tranquilidade de ter o ascenso asegurado, callaron unha moi boa segunda sesión para rematar segundos con 386 puntos, por detrás do Arteixo que acadaba o título con 421 e por diante do Rías que sumaba 245 para ser terceiro. Proba do nivel e a intensidade da AD Fogar foron os catro records do club, dous de 16 anos e outros dous absolutos de Carla Jiménez nos 100 e os 200 metros braza ou as mínimas nacionais da mesma Carla Jiménez nos 100 braza da categoría júnior, a de Yoel Mato nos 50 libres júnior e as de Jorge Souto nos 200 costas e os 400 estilos infantil; ademáis de gañar no cómputo global 16 das 40 probas da xornada.