O Fondo Xacobeo 21 homenaxea a Xeración Nós

1 minutes read

O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia súmase á homenaxe ao Centenario da Xeración Nós, coa colaboración do Museo do Pobo Galego, a través da mostra Mar de libros, de Isabel Pintado, que se exhibe en San Domingos de Bonaval ata o vindeiro 6 de decembro.

“A Xeración Nós abriu un tempo novo para a lingua, para a literatura e para as artes galegas en xeral, un cambio perfectamente retratado nesta fantástica exposición que nos amosa a pintura en diálogo cos libros, coas palabras, coa poesía, coa literatura”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na súa intervención.

Participaron na inauguración, ademais do representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do comisario da mostra, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, e mais o director do museo, Manuel Vilar.

A exposición, comisariada por Antón Castro, concédelle un protagonismo especial á pintura, cunha selección de obras onde o libro é o centro dos cadros que forman parte dos fondos da artista, así como de coleccións particulares de Galicia, Madrid e Portugal, entroutras procedencias.

Mar de libros conta cunha sección de libros intervidos. Ademais, o traballo plástico arredor do libro enténdese como unha combinación entre pintura e literatura; un diálogo entre o escritor e a artista que se enriquece coa suma das partes, de xeito que cada un dos exemplares intervidos convértense en pezas artísticas únicas, ligadas ás propias composicións poéticas e literarias. Outra sección da mostra é a referida aos libros de artista, exemplares únicos que manteñen unha interconexión co resto dos exemplares intervidos.