O Forno do Forte | Chamado a ser o gran «museo da olería»

A Deputación da Coruña, a través da súa área de Patrimonio e Contratación, que dirixe Xosé Luís Penas, avanza na remusealización do Forno do Forte co fin de destinar as distintas estancias e toda a contorna do inmóbel a un gran museo da olería, con especial atención á produción de Buño e a Costa da Morte mais incluíndo a artesanía en barro de todo o territorio galego. O proxecto desenvolverase en colaboración coa área de cultura, Olería e patrimonio do Concello de Malpica que dirixe a concelleira Leticia Naya Varela. O orzamento da actuación será de 30.000 euros e o prazo de execución de tres meses despois da licitación.

O proxecto contempla a actuación en todos os espazos das instalacións e, en especial, das tres salas que até o momento se destinaban a oficios do mar e a terra que se dedicarán integramente á olería. «A idea e que o Forno sexa o gran museo da olería sen dúbida nin parcialidades no seu contido, non só da comarca senón de todo o país», explica o deputado Xosé Luís Penas que anuncia tamén que se está a traballar en que o centro mostre todos os períodos creativos, desde os máis tradicionais ás propostas máis innovadoras, coa idea tamén de que todas as persoas que continúan a traballar no sector se sintan representadas.

Desta maneira, as tres salas que se incorporarán a espazos dedicados á olaría dedicaranse á sala multiusos, novas creacións e exposicións temporais, que acollerán de maneira especial creadores e creadoras de Buño e de toda a Costa da Morte e tamén de outras zonas de produción oleira. Neste sentido, estanse a explorar convenios de colaboración con outras salas e museos do país.

O proceso de renovación do Forno do Forte, propiedade da Deputación da Coruña con xestión de visitas por parte do Museo de Malpica de Bergantiños a través dun convenio de colaboración, incluirá a modernización da cartelería e a incorporación de nova sinaléctica e música ambiental.  Ademais, na segunda metade do ano procederase a adecuación do espazo da antiga cafetaría nunha sala auditorio con capacidade para unhas 50 persoas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha