O Fórum Carballo acollerá en xaneiro dous novos cursos de formación para o emprego

1 minutes read

No mes de xaneiro arrincarán no Fórum Carballo dous novos cursos relacionados cos sectores da electricidade e a carpintaría.

Do 23 de xaneiro ao 21 de xuño desenvolverase un curso de Montaxe de mobles e elementos de carpintaría. Trátase dunha acción formativa de nivel 2, polo que para participar requírense estudos de ESO, competencias clave ou ciclos formativos de grao medio ou superior, como mínimo. O curso terá unha duración total de 538 horas, que inclúen 18 de módulos transversais sobre inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero e 60 de prevención de riscos laborais.

O segundo curso é o de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios, que se desenvolverá dende o 30 de xaneiro ata o 6 de xuño. Neste caso é unha acción formativa de nivel 1, polo que non é preciso ter ningunha titulación e pode participar calquera persoa desempregada. Serán 458 horas de formación, incluídas, como no anterior, 18 de módulos transversais e 60 de prevención de riscos.

As solicitudes de participación poden realizarse presencialmente ou a través da Intranet do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Estes dous talleres, en cada un dos cales hai 15 prazas, forman parte do plan formativo para o emprego financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade para o período 2021-2023.