Carballo participa por partida múltiple no Fórum Gastronómico que se celebra estes días na Coruña. Este luns o cociñeiro carballés Adrián Felípez e o director da Escola Municipal de Hostalaría, Fernando Agrasar, participan nunha presentación da asociación Coruña Cocina. Pero o gran día de Carballo será este martes. Por unha banda, porque o pan e a empanada de Carballo serán protagonistas durante toda a xornada no stand da Deputación. Por outra, porque catro alumnos/as da Escola Municipal de Hostalaría participarán pola tarde nun showcooking co director e profesor do centro.
A cita celebrase ata o martes 12, para apoiar coa súa presenza aos produtores participantes nesta vixésima edición.
O director da Agacal, Manuel Rodríguez, sinalou que este tipo de feiras permiten promocionar a gastronomía galega e impulsar o prestixio da nosa despensa fóra das fronteiras da nosa comunidade, o que redunda en beneficio propio dos produtores ao poder cubrir as necesidades cada vez máis esixentes dos consumidores.
Manuel Rodríguez salientou a importancia de apostar pola transformación das nosas materias primas, buscando un valor engadido que permita destacar e, sobre todo, diferenciar o noso produto primando a calidade que o avala. Destacou ademais a importancia que ten a “alianza estratéxica” entre a agricultura e a gandería galegas e o eido da gastronomía e o turismo, que contribúe á promoción e comercialización dos produtos do noso medio rural.
Nesta vixésimo edición, a Consellería do Medio Rural facilitou a participación de 24 empresas coexpositoras pertencen a diferentes subsectores, tales como horta, lácteos, carne e viño. Nun espazo común desenvolverase un amplo programa de actividades entre exposicións, catas e degustacións dos produtos con selo de calidade. Ademais, tamén se fará promoción do leite de calidade diferenciada “Galega 100%”.
Pola súa banda, a Consellería do Mar está presente no Fórum Gastronómico con sete empresas e entidades coexpositoras do sector da transformación de produtos do mar, ocupando unha superficie de 84 m2. Estas entidades son Currimar Conservas Tradicionais, Mares de Galicia, Pulponor Sociedade Cooperativa Galega, Conservas y Ahumados Luso Galaicos, Ramón Franco, Lemar Elaboraciones Artesanas e Conservas Sotavento. Ademais a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, visitou tamén hoxe este evento para apoiar coa súa presenza a posta en valor destas producións de calidade.