O Instituto Aquis Celenis, de Caldas de Reis, proclamouse este luns gañador da fase autonómica do certame CanSat organizado pola Axencia Espacial Europea e dirixido a estudantes de 14 a 19 anos. Será o representante de Galicia na fase nacional do concurso que se celebrará no mes de maio. Na xornada de hoxe, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP organiza o lanzamento dos satélites elaborados polo alumnado dos centros educativos da nosa Comunidade.
Nesta final, celebrada no aeródromo As Gaivotas, en Cerceda, e á que asistiu o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, tomaron parte un total de 12 equipos de competición. O xurado comprobou os pesos, medidas, baterías e frecuencias dos aparellos e seleccionou os seis mellores proxectos, que foron lanzados no foguete.
Posteriormente, o alumnado dos seis equipos finais defenderon os seus proxectos diante do xurado que, analizadas a súas intervencións, os satélites deseñados e as medicións que se realizaron con eles, outorgou os seguintes galardóns:
| Premio | Concello | Centro | Proxecto |
| Mellor proxecto CanSat | Caldas de Reis | IES Aquis Celenis | Aquisat V 2 |
| Mellor logro técnico | San Sadurniño | CPI de San Sadurniño | Nouscan 12 |
| Misión científica máis destacada | Ourense | IES Universidade Laboral | Barreiros |
| Equipo máis profesional | Vigo | CPR Montecastelo | MontecasteloSAT6 |
| Premio honorífico | Ortigueira | IES de Ortigueira | Chatarrin |
| A Coruña | CPR Salesiano | SalesCansat | |
| Mellor proxecto CanSat | Sada | CEIP O Mosteirón | Os mosteiriños creativos |
| Mellor póster | A Rúa | CEIP Manuel Respino | GalSat |
| Premio honorífico | Santiago de Compostela | CPR Vilas Alborada |
En canto aos 16 equipos que participaban só en modo demostración, ao longo da xornada tiveron a oportunidade de participar en retos cognitivos así como nunha simulación de adestramento para astronautas.
Como novidade, este ano contouse cun foguete que elevou os satélites dos equipos finalistas ata unha altura de case que 1 km. Ademais, en lugar de contar con drons de pequeno formato, capaces de lanzar un máximo de catro Cansats á vez, utilizouse un dron de gran formato para o resto de participantes.