O futuro do ciclismo galego darase cita este sábado en Carballo

Momento da presentación da proba.

A canteira do ciclismo galego ao completo estará en Carballo este sábado para participar na competición do Trofeo Concello de Carballo, torneo que organiza o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, e que presentaron este mércores a presidenta do Club Ciclista, Vanesa Loureiro; os concelleiros de Deporte, Marcos Trigo, e Mobilidade, Juan Seoane, e o alcalde, Evencio Ferrero.

A presentación realizouse no Centro Social Escola de Arrabaldes, onde estará instalada a oficina permanente. A presidenta do Club Ciclista Carballo destacou que, ademais dos equipos galegos, e a falta das inscricións que poidan chegar a última hora, está confirmada a presenza tamén dun equipo cántabro con cinco corredores cadetes. A proba de cadetes, que puntúa para a Copa Galicia de estrada da Federación Galega de Ciclismo, disputarase nun circuíto de 50,9 quilómetros polos concellos de Carballo e Coristanco.

O concelleiro de Mobilidade informou de que para facilitar o desenvolvemento da competición estará prohibido estacionar en todo o percorrido do circuíto urbano (avenida da Milagrosa e rúas Concordia, Montero Ríos, Salvador de Madariaga, Xílgaro, Emilio González López e Cemiterio Vello) dende as 14.00 ata as 21.00 horas do sábado, aproximadamente, e tamén se producirán cortes de tráfico puntuais nas estradas polas que pasará o pelotón. Policía Local e Protección Civil de Carballo e Coristanco, Garda Civil de Tráfico, persoal de Moto Volta Galicia, así como voluntarios/as do Club Ciclista Carballo Placasa velarán pola seguridade de participantes e público.

Vanesa Loureiro agradeceu a colaboración das institucións, empresas e entidades que colaboran no desenvolvemento desta gran festa do ciclismo de base. Por parte do Concello, tanto o alcalde como o concelleiro de Deporte quixeron poñer en valor o traballo que vén desenvolvendo o Club Ciclista para fomentar o ciclismo dende a infancia, un traballo que Evencio Ferrero cualificou como “exemplar”.