Os aliados occidentais engaden máis presión sobre Rusia, e coincidindo cos cumes do G7 e da Unión Europea en Bruxelas, Estados Unidos e o Reino Unido anunciaron unha nova batería de sancións contra Moscova, adoptadas en coordinación cos seus aliados. Os líderes do G7 e da UE buscan impedir que o Banco Central Ruso utilice as súas reservas, incluídas as de ouro, para financiar a guerra.
As medidas tomadas por Estados Unidos implican, en particular, a conxelación dos activos en Estados Unidos de 328 deputados da Duma rusa, así como de institucións e 48 grandes empresas do sector da defensa, entre ela Tactical Missiles Corporation, un conglomerado de defensa ruso propiedade do Estado, cuxo armamento está a ser utilizado en Ucraína.
O Reino Unido tamén anunciou novas sancións contra Moscova para «cortar industrias vitais que alimentan a maquinaria bélica de Putin», anunciou o ministerio de Exteriores nun tweet. As novas sancións diríxense a bancos, elites empresariais e compañías de defensa, como Kronshtadt, o principal fabricante de drons rusos, ou o Grupo Wagner, a organización de mercenarios rusos. Seis bancos tamén están no punto de mira de Londres, incluído o Alfa Bank, así como o principal produtor de diamantes do mundo, Alrosa.