A Fundación Cidade da Cultura programa para este Verán no Gaiás medio cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, campamentos urbanos, grandes espectáculos familiares de circo, maxia e rock e novas exposicións para gozar da arte dentro e fóra do Museo Centro Gaiás. Entre as novidades, destaca o regreso, logo do parón provocado pola pandemia, de Cidade Imaxinaria, unha das grandes actividades para toda a familia da programación da Cidade da Cultura. Toda unha xornada festiva de teatro, música, circo, xogos e obradoiros ao aire libre que porá o colofón final ao Verán no Gaiás.
A programación estival arrinca o 24 de xuño, Día da Música, co concerto de Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedores de Galicia. O dúo vigués actuará na praza central da Cidade da Cultura ás 21,00 horas nun concerto gratuíto chamado a conectar con xeracións novas e maiores a través da súa mestura de canto tradicional, pop e electrónica.
As propostas musicais seguen á caída do sol nos meses de xullo e agosto con Atardecer no Gaiás, cita imprescindible no verán compostelán que este ano programa 18 concertos ao aire libre de estilos que van do punk rock aos ritmos urbanos, o jazz, o soul ou o folk electrónico. Atardecer no Gaiás, que conta co apoio de Cervezas Alhambra nesta edición, combina algúns dos novos talentos e artistas consolidados máis importantes do panorama galego, español e internacional. Entre eles sobresaen nomes como Juancho Marqués, considerado un dos artistas máis influentes dentro do hip hop español, e Natalia Lacunza, artista que logo do seu paso polo concurso de talentos de Operación Triunfo en 2018 se revelou como unha das voces máis célebres do pop actual, chegando a conseguir o disco de platino coa súa canción de debut en solitario Nana Triste.