O Galp celebra en Vimianzo unha proposta formativa relacionada con Pesca &Turismo e Turismo Mariñeiro

2 minutes read

Dende o día 9 ao 13 de febreiro estase a celebrar un curso de Pesca &Turismo e Turismo Mariñeiro, que conta con cinco xornadas presenciais e titorías individualizadas, na localidade de Vimianzo.

Como reforzo a este curso, iniciouse de forma gratuita, unha oferta de cursos en liña para reforzar a capacitación na pesca turismo e turismo mariñeiro

O proxecto Mar e Rías Pesca & Turismo pon en marcha unha oferta de formación complementaria dirixida a persoas que desenvolven actividades de pesca turismo ou turismo mariñeiro, así como a aquelas interesadas en emprender neste ámbito. A iniciativa busca reforzar competencias clave vinculadas á atención ao público e á mellora da experiencia turística asociada ao sector pesqueiro.

A formación estrutúrase en cursos titorizados en liña, cun prazo dun mes para a súa realización unha vez formalizada a inscrición. Ao remate de cada acción formativa, as persoas participantes recibirán un certificado acreditativo de que completaron o curso.

Os cursos irán abrindo progresivamente ao longo de febreiro:

  • Semana do 9 de febreiro: Habilidades sociais e atención ao público.

  • Semana do 16 de febreiro: Atención a persoas con discapacidade.

  • Semana do 23 de febreiro: Inglés para atención turística.

As inscricións deberán realizarse a través da web pescaeturismo.gal, na sección Formación → Cursos, onde se pode consultar a información de cada curso e seleccionar as accións formativas á que apuntarse.

Esta oferta formativa enmárcase no proxecto de cooperación Mar e Rías Pesca & Turismo, no que participa O Galp Costa da Morte xunto cos outros sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. O proxecto ten como obxectivo estender a todas as comunidades costeiras galegas a promoción das actividades de pesca turismo e turismo mariñeiro dende o propio sector pesqueiro, contribuíndo á diversificación da actividade e á posta en valor do coñecemento e da identidade mariñeira.

Sobre esta base constrúese Mar e Rías Pesca & Turismo, un proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (70 %) e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia (30 %).