O GALP Costa da Morte organiza cursos de cociña práctica con produto pesqueiro en Laxe e Carballo

3 minutes read

O GALP Costa da Morte organiza neste mes de outubro dous Obradoiros de ‘Batchcooking’ de Pesca Saúde. As actividades consisten en cursos prácticos de cociña impartidos por profesionais da cociña e nutricionistas. O obxectivo é aprender a organizar sesións de cociñado para preparar menús semanais saudables incorporando produto pesqueiro. Os cursos divídense en dúas sesións de 4 horas cada unha, os luns 19 e 26 de outubro. En Laxe, celebraranse en horario de 9.30 a 13.30h na Asociación de veciñas e veciños de Serantes. En Carballo, terán lugar no Fórum Carballo en horario de tarde, de 16.30 a 20.30h. Os cursos son gratuítos e cómpre inscribirse na web do proxecto (pescasaude.gal) ou no teléfono 627 570 949.

O restaurador convidado será Miguel Mosteiro. Estará acompañado pola nutricionista Valeria Freijedo, de Arela Saúde. Con eles, as persoas asistentes coñecerán trucos e técnicas de cociñado e aproveitamento de produto pesqueiro para poder elaborar receitas de forma sinxela para incorporalas nos seus menús semanais.

Ademais, o curso contará coa participación de representantes das Confrarías de pescadores de Laxe e Caión, que explicarán ás persoas participantes a importancia do consumo de produto local, os seus métodos de extracción e as especies mariñas que ofrece a nosa contorna.


Programa do curso

O curso porá o foco especialmente no uso de produto pesqueiro de proximidade en menús semanais saudables e nutricionalmente axeitados a cada persoa, creados a partir dunhas poucas receitas que se poden ir combinando en diversos pratos. Para iso, atenderase aos métodos máis eficientes para o cociñado de produtos do mar sen perder o seu sabor e as súas propiedades. Tamén se ensinará que especies son máis axeitadas para a súa conservación na neveira ou no conxelador.

Entre as actividades dos obradoiros estarán tamén as técnicas para optimizar o tempo na cociña, a introdución ao uso de ferramentas e recipientes axeitados para conservar os alimentos ou a preparación de bases sinxelas reaproveitables, buscando a redución de desperdicio alimentario. 

As persoas participantes recibirán un receitario, unha guía de consellos e información nutricional, un mandil e unha bolsa da compra exclusiva feita con redes de pesca reutilizadas e plásticos reciclados elaborada pola Asociación de redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo (Outes).

Que é Pesca Saúde?

Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar non só como unha cuestión dietética, senón como unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.

Con este obxectivo, ao longo de 2026 véñense realizando campañas en centros de saúde, xornadas divulgativas con expertos en medicina e nutrición e actividades en prazas e mercados, incluíndo sorteos e demostracións de cociña en vivo.

A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, de xeito que o proxecto une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.