O GALP Costa da Morte organiza un encontro informativo en Vimianzo sobre o proxecto ‘Feito co Mar’

3 minutes read
  • O vindeiro martes 3 de novembro ás 9:30 h en Vimianzo, na Casa da Cultura, terá lugar un encontro informativo co sector pesqueiro para presentarlles os Viveiros Formativos de Emprendemento “Feito co Mar” que se celebrarán en 2027.

Feito co Mar é un proxecto para fomentar o emprendemento a través da transformación do produto pesqueiro mediante elaboracións de peixes e mariscos como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados, patés e pratos elaborados, poñendo o foco especialmente en prácticas artesanais.

Os Viveiros contan con dous programas formativos, un de iniciación e outro de profesionalización, que se celebrarán en 2027. Ambos os dous estarán orientados á formación práctica, á experimentación e ao acompañamento de proxectos de emprendemento e innovación.

As persoas que asistan a estes encontros previos coñecerán a programación detallada e datas dos Viveiros Formativos. Tamén aprenderán, a través de exemplos prácticos, en que consisten os Espazos de Traballo Colaborativo como modelos de emprendemento. E poderán aclarar dúbidas, compartir ideas e reservar a súa praza nos programas formativos.

O sector pesqueiro é especialmente relevante en Feito co Mar, xa que o proxecto ten como propósito principal valorizar a actividade pesqueira e potenciar a remuda xeracional coa creación de novas empresas e o impulso de actividades económicas de transformación dos produtos do mar.

O programa formativo

Os Viveiros están pensados para capacitar de maneira práctica na transformación e elaboración do produto pesqueiro, facendo prototipado de propostas de produtos pesqueiros transformados e elaborados, como conservas e pratos de V gama. Co obxectivo de garantir o maior éxito das iniciativas das persoas que se acheguen aos Viveiros, facilitaranse claves para o emprendemento de maneira colaborativa.

Nos diferentes módulos que se impartan nos cursos trataranse dende cuestións relacionadas coa normativa vixente, boas prácticas, técnicas ou procesos de elaboración axeitados, ata o envasado e etiquetado.  Desenvolverase tamén un traballo de titorización dirixido a persoas e colectivos que, unha vez rematada a formación, precisen de apoio e asesoramento para facilitar a súa constitución como iniciativa de emprendemento.

A responsable do programa formativo será Carme Freire, que forma parte de ‘Daquí darredor’, un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas.

Rede de Espazos de Traballo Colaborativo

Dentro do proxecto, tamén se veñen realizando entrevistas cos concellos do territorio para animar a súa participación na dinamización dos Viveiros e tamén para a constitución de Espazos de Traballo Colaborativo enfocados á transformación de produto pesqueiro nos seus territorios. A dinamización deste tipo de espazos é outro dos obxectivos do proxecto que, en 2027, creará un piloto, a partir de experiencias como o Espazo de Traballo Colaborativo Monte Balado (Os Ánxeles. Brión) e unha proposta para a creación dunha Rede que articule estes espazos entre todos os GALP participantes.

Un proxecto dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro

O principal beneficiario de Feito co Mar será o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, aínda que se espera que tamén repercuta positivamente en estudantes de formación profesional, programas municipais de emprendemento, asociacións empresariais e persoas desempregadas, entre moitas outras. Feito co Mar é unha iniciativa de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e está cofinanciada pola UE e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Os GALP participantes son: GALP Golfo Ártabro Norte (grupo coordinador), GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.