Dentro do proxecto Pesca Saúde realizarase unha demostración de cociña en vivo no mercado municipal de Carballo o vindeiro xoves, 9 de xullo. Esta sesión de ‘showcooking’, que terá como protagonistas o peixe e outros produtos do mar, celebraranse a partir das 11:30 h e estará conducida por Miguel Silvarredonda, profesor da Escola de Hostalaría de Carballo cunha larga traxectoria en proxectos de turismo e gastronomía que preparará en vivo diferentes receitas que poderán degustar as persoas asistentes.
As persoas que o desexen poden reservar a súa praza en i.gal/showcooking. Durante estes eventos celebraranse tamén os sorteos de degustacións de produto pesqueiro, entre as persoas que participaran na campaña reunindo os seus tíckets de compra e depositándoos nas urnas de Pesca Saúde.
Ademais, as peixerías seguen a ter un papel protagonista en Pesca Saúde. Máis dun cento de puntos de venda adheridos á campaña e repartidos por toda a costa galega, aceptarán os vales de desconto de 5€, aplicables directamente na compra, que se reparten entre os asistentes nestes eventos. Ademais, amplían o seu prazo de validez ata o vindeiro 31 de xullo.
Dentro do proxecto esta mesma actividade desenvolverase polo distintos territorios dos GAlps participantes no proxecto. As citas son o martes 7 de xullo, en Sada, na Casa da Cultura «Pintor Lloréns» coa restauradora de A Artesa da Moza Crecha. O mércores 8, na Praza de abastos da Guarda, coa responsable da cociña do restaurante O Cangrexal. O xoves 9 na Praza de abastos de Noia cos cociñeiros de A Casa do Tello e Rosalía. O martes 14, na Praza de abastos de Vilagarcía será o cociñeiro Miguel Mosteiro quen elaborará as súas receitas en vivo. Membros da Escola de cociña «Cousiñas» farán unha demostración o mércores 15 na Praza de abastos de Bueu. Ana Martínez Arruñada, da Escola de Hostalería IES de Foz porá o ramo á programación de ‘showcooking’, o xoves 16, en Viveiro, no local da Asociación Recreativa Cultural O Valado.
Outras actividades do proxecto: Come o mar, come saúde
Outro sector co que estaos a traballar neste proxecto é o sector da hostalaría, onde coa iniciativa Come o mar, come saúde xa se está a traballar cos restaurantes adheridos na elaboración de menús saudables sempre con produtos pesqueiros locais e de tempada.
E a partir de setembro, poranse en marcha os Obradoiros de Batchcooking. O Batchcooking é un xeito de organizar a cociña da semana consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas. Os obradoiros acompáñanse da publicación dun receitario, que se reparte nos eventos de Pesca Saúde e tamén está dispoñible na web do proxecto.
Os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde
O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.
Por iso, promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. A través destas actividades, búscase por en valor os produtos do mar, o oficio dos pescadores e mariscadores mediante o fomento do consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.
O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional: conteñen moitos nutrientes esenciais en proporcións axeitadas e con poucas calorías. Proporcionan proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais, e graxas cardiosaudables, ricas en ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA), que o corpo non pode fabricar por si mesmo. Está probado o seu beneficio no sistema cardiovascular, na saúde cerebral e función cognitiva, na saúde ósea e muscular, na inmunidade e no metabolismo.