4.856,6 euros é a contía que a Administración galega dedicou o pasado ano, de media, á atención de cada persoa dependente. A cifra revelouse no XXIII Ditame do Observatorio da Dependencia, documento elaborado periodicamente pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais e que se traduce nunha caída a mínimos na serie histórica desta estatística, con datos ofrecidos desde 2009.
No ano anterior foran perto de 6.000 euros. Con este último dato, tal e como salienta o informe, a Galiza volve afastarse significativamente do gasto medio por dependente no conxunto do Estado español, que ascendeu a 6.131,6 euros o pasado ano.
O 2022 fechou cunha taxa de 45,8 persoas desatendidas por cada 1.000 persoas con dereito recoñecido, indicador que se reduce por sétimo ano consecutivo, se ben o propio documento matiza que deste dato hai que deducir as persoas con Programa individual de atención (PIA) que aínda non recibiron o servizo ou prestación e as falecidas en lista de espera.
Con estes datos, os autores e autores do estudo conclúen que a Galiza «aínda non recuperou» os niveis asistenciais prepandemia, nomeadamente no servizo de atención residencial, pois o país conta con 1.417 prazas menos que antes da irrupción da pandemia.