Trátase dunha novidade froito do diálogo social, é a prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego máis aló do estado de alarma. Executivo, patronais e sindicatos acordaron manter as actuais condicións ata o 30 de xuño.
Yolanda Díaz, ministra de Traballo, valora que «souberon deixar as diferenzas que puntualmente teñen na representación lexítima dos seus intereses para poñerse de acordo en intentar salvar o noso país nunha crise que xa é económica e social»
Os traballadores incluídos nun ERTE seguirán cobrando a prestación aínda que non cotizaran o tempo mínimo e non lles correrá o contador ata o 30 de xuño, ou o 31 de decembro no caso dos fixos discontinuos. Nese período, as empresas tampouco pagarán cotizacións sociais, e seguirán desfrutando de exencións cando volvan á actividade de xeito parcial. A cambio, estarán obrigadas a manter o emprego polo menos durante os seis meses seguintes ao regreso ao traballo.