- O Executivo e as comunidades autónomas decidirán conxuntamente o paso dunha fase a outra baseándose en indicadores obxectivos
O Consello de Ministros aprobou estender o estado de alarma ata as cero horas do próximo 24 de maio, tras recibir este pasado mércores a preceptiva autorización do Congreso dos Deputados.
A portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, detallou que esta prórroga inclúe o reforzo da cogobernanza coas comunidades autónomas para desenvolver o Plan de Transición cara a unha Nova Normalidade. As fases de desescalada sucederanse tendo en conta indicadores sanitarios, epidemiolóxicos, sociais, económicos e de mobilidade. O inicio de cada unha delas será decidido polo ministro de Sanidade en coordinación coas comunidades autónomas, cuxos presidentes serán, ademais, os responsables da súa execución nos seus respectivos territorios.
Montero afirmou que manter o estado de alarma é fundamental para protexer a saúde da cidadanía, avanzar na contención do virus e levar a cabo a desescalada progresiva.