O Goberno amplía o prazo de devolución dos préstamos ICO


Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, explicou en que consisten estas medidas de apoio á solvencia empresarial e en materia tributaria para facer fronte aos estragos da covid-19.

Empresas e autónomos beneficiarios dos préstamos avalados polo ICO disporán de ata oito anos para devolver os cartos, tres máis dos que estaban fixados e o máximo legal permitido. O Goberno aprobou un real decreto para estender os vencementos dos préstamos e que tamén amplía o prazo de solicitude dos avais ata o vindeiro 30 de xuño.

Estas medidas son aplicables tanto á liña principal de financiamento de 100.000 millóns de euros como á posterior de 40.000 millóns, que nos dous casos se amplían ata finais de xuño de 2021.