- Nas zonas que se manteñen na fase 0, os locais e establecementos comerciais con menos de 400 m2 poderán abrir sen cita previa
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou este venres novas medidas de flexibilización das restricións de ámbito nacional en aplicación do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade iniciado hai dúas semanas.
Estas medidas, que corresponden ao progreso de unidades territoriais á fase 1, a fase 2 e a flexibilización da fase 0, publicaranse no Boletín Oficial do Estado, mediante orde ministerial, xunto cos territorios de aplicación.
Deste xeito, o vindeiro luns, as illas de Formentera e Cabrera (Baleares) e as da Graciosa, O Hierro e A Graciosa (Canarias) pasarán a fase 2.
Pola súa banda, pasan a fase 1 as provincias de Málaga e Granada, co que Andalucía contará con todo o seu territorio xa neste nivel, do mesmo xeito que Castela A Mancha co progreso de Toledo, Ciudad Real e Albacete. A Comunidade de Valencia contará a partir do luns tamén con todas as súas provincias en fase 1.
En Castela e León avanzan a fase 1 un total de 42 zonas básicas de saúde mentres que en Cataluña farano as zonas sanitarias de Cataluña Central, Xirona, Lleida e Alt Penedés i Garraf.
Deste xeito, preto do 70% da poboación española (32 millóns de persoas) atópase desde este luns en fase 1 e o 30% (14 millóns) permanece nunha fase 0 flexibilizada.
A orde ministerial que se publicará este sábado e que entrará en vigor o vindeiro luns 18 de maio conta como novidade coa flexibilización da fase 0 en diversos ámbitos. Así, nas zonas que se manteñen na fase 0, os locais e establecementos comerciais con menos de 400 m2 poderán abrir sen cita previa para a atención individual de clientes. Os lugares de culto relixioso terán unha limitación dun terzo do aforo, mentres que nos velorios a limitación será de 10 persoas. No ámbito do deporte profesional e federado poderanse realizar adestramentos individuais, básicos e medios, xunto coa apertura de centros de alto rendemento que deberán aplicar medidas de protección e hixiene reforzadas.