O Goberno anunciou este venres a licitación da busca, localización e inspección do pecio do Villa de Pitanxo por un orzamento de 3 millóns de euros, máis impostos. Segundo sinala o Ministerio, esta licitación servirá de apoio á investigación do accidente do pesqueiro galego, que afundiu o 15 de febreiro de 2022 e deixou 21 vítimas a 250 millas do Canadá, e que está a levar a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos. A operación consistirá en localizar o barco, cuxa situación se estima pero non se coñece de forma exacta, e en enviar un robot submarino ou similar que o inspeccione. O anuncio previo publicado este venres na Plataforma de Contratación do Sector Público serve para reducir o prazo da licitación definitiva, e non permite coñecer ningún detalle da licitación mais aló do importe aproximado e o título.