O Goberno aproba a reforma do sistema de pensións e garante o seu poder adquisitivo


O Consello de Ministros aprobou o Real Decreto-lei de Medidas Urxentes para a Ampliación de Dereitos dos Pensionistas, a Redución da Brecha de Xénero e o Establecemento dun Novo Marco de Sustentabilidade do Sistema Público de Pensións.

O texto é froito do acordo cos sindicatos UXT e Comisións Obreiras, recolle recomendacións do Pacto de Toledo de 2020 e está enmarcado no Compoñente 30 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá afirmou que a norma blinda o poder adquisitivo dos pensionistas actuais e futuros. Trasladamos, dixo, aos 11 millóns de pensionistas que as súas pensións, non soamente están garantidas e manteñen o seu poder adquisitivo no ano 2023, senón que hai «un marco extraordinariamente robusto de sustentabilidade».

Escrivá avanzou que a reforma introduce a equidade e a sustentabilidade no sistema, mellora a situación das persoas que teñen carreiras irregulares, así como as pensións non contributivas e as mínimo. Ademais, reduce a brecha de xénero en pensións e introduce un mecanismo de equidade entre xeracións que beneficiará aos pensionistas futuros.

Reforzo dos ingresos

Os ingresos da Seguridade Social refórzanse mediante o incremento gradual das bases máximas e das pensións máximas. Tamén se crea unha cota de solidariedade, que se incorporará de forma progresiva para os salarios máis altos, partindo dunha cota dun 1% en 2025, cun incremento de 0,25 puntos porcentuais ao ano ata alcanzar o 6% en 2045.

O Mecanismo de Equidade Interxeracional refórzase ata alcanzar os 1,2 puntos porcentuais en 2029. José Luis Escrivá argumentou que este mecanismo substitúe ao que se estableceu na reforma de 2013 e que supoñía que o pensionista podía perder ata un 30% do seu poder adquisitivo ao longo da súa vida.

Ademais, para os próximos 20 anos establécese un réxime dual do período de cómputo. Os traballadores que se xubilen poderán optar por computar os 29 anos de carreira descartando os seus dous anos con peor cotización, ou seguir cos 25 últimos anos, como na actualidade.

O ministro sinalou que esta decisión favorecerá ás persoas especialmente vulnerables, que teñen maiores lagoas na súa carreira profesional, e ás que agora son novas porque conseguirán unha pensión maior.