- O Executivo tamén mobilizou máis de 16.300 millóns para apoiar aos sectores empresarial, industrial e da automoción
O Consello de Ministros aprobou o Real Decreto-lei polo que se crea o Fondo COVID-19 de 16.000 millóns de euros para as comunidades autónomas, co que se financiarán os gastos derivados da pandemia, en especial no sistema sanitario, incrementaranse as partidas en educación, compensaranse a caída de ingresos fiscais e garantiranse a prestación de servizos públicos esenciais.
A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, subliñou que este fondo supón a maior transferencia de recursos do Goberno ás comunidades realizada ata o de agora, á marxe do sistema de financiamento, e que se trata dun fondo non reembolsable: «Non terán que devolver o diñeiro, non vai incrementar a súa débeda pública nin vai xerar intereses a abonar ao Estado español».
Montero avanzou que máis da metade do fondo, 9.000 millóns de euros, destinarase a gasto sanitario para reforzar os persoais e os sistemas de saúde co obxectivo que estean en condicións de actuar de forma temperá ante a aparición de calquera novo brote de coronavirus; 2.000 millóns cubrirán as necesidades do sistema educativo e 5.000 millóns compensarán a caída da recadación dos impostos propios das comunidades e a caída de viaxeiros no seu transporte público.
O fondo divídese en catro tramos, e o primeiro, de 6.000 millóns, abonarase en xullo e repartirase en función da incidencia do virus nos territorios: ingresos en UCI, pacientes hospitalizados, PCR totais realizadas, así como poboación protexida equivalente. Tomarase como referencia os datos ao 30 de abril.
AXUDA AO SECTOR INDUSTRIAL O Consello de Ministros tamén acordou destinar 173,5 millóns de euros a medidas de apoio ao sector industrial para favorecer a súa transformación dixital e novos modelos de negocio.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, destacou esta mobilización de recursos públicos para apoiar proxectos que estean en consonancia cos obxectivos da política industrial do Goberno: «A reindustrialización e a competitividade das empresas, a dixitalización dos procesos e o impulso tecnolóxico para mellorar a competitividade a través da I+D+i».
Un primeiro paquete de medidas estará dotado con 75 millóns de euros, dos que 50 irán destinados a proxectos industriais de I+D+i no ámbito da industria manufactureira e o resto, 25, serán préstamos ao programa de apoio financeiro á Industria Conectada 4.0. Un segundo bloque permitirá ofertar préstamos participativos, por valor de 98,5 millóns de euros a, pemes, mozos emprendedores e empresas de base tecnolóxica.