O Goberno aproba un plan de 5.000 millóns con medidas para paliar os efectos da guerra en Irán

1 minutes read

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou este venres o paquete económico para paliar os primeiros efectos da guerra en Irán. En total, 5.000 millóns de euros en 80 medidas destinadas a rebaixar a factura eléctrica, reducir o prezo da gasolina e reforzar o escudo social, que poderán ampliarse no caso de que sexa necesario. Segundo o xefe do Executivo, estas medidas «non van impedir que os efectos desta guerra ilegal cheguen a España, pero faranos menos erosivos e máis levadíos». O Consello de Ministros extraordinario estaba convocado ás 9.30 horas, pero comezou dúas horas máis tarde do previsto por discrepancias entre os socios de coalición en materia de vivenda. Sumar reclamaba incluír a conxelación dos alugueiros no decreto anticrise, algo que leva semanas descartado a parte socialista. O propio Sánchez implicouse persoalmente para desencallar a situación, negociando directamente coa vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Tras o acordo entre PSOE e Sumar, o paquete económico estará formado por dous decretos lei: un con rebaixas de impostos, ao que se engade o control de marxes empresariais que tamén pedía Sumar; e un segundo coa conxelación dos prezos do alugueiro, que se negociará nas próximas semanas cos grupos e que previsiblemente tombará Junts cando se vote no Congreso. En total, o paquete anticrise beneficiará directamente aos tres millóns de empresas e os 20 millóns de fogares de España, segundo cálculos do Executivo. Está previsto que as medidas entren en vigor unha vez se publíquen no Boletín Oficial do Estado (BOE).