O Consello de Ministros acordou remitir ás Cortes o Proxecto de Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario, a primeira regulación sobre esta materia que se promulga en España, co fin de evitar o refugallo de alimentos sen consumir e favorecer que se aproveiten mellor.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, destacou o carácter pioneiro da futura Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario na Unión Europea -só Francia e Italia dispoñen dunha regulación semellante- e a súa oportunidade, non só porque aínda existen a fame e a malnutrición no mundo senón porque tamén «nestes momentos falamos da posibilidade dunha crise alimentaria e da necesidade da produción de alimentos no mundo».
O malgasto de alimentos, sinalou Planas, é unha ineficiencia da cadea alimentaria, na que se produce unha perda do 20%. Para reducir esa porcentaxe, todos os elementos da cadea, excepto as tendas de menos de 1.300 metros cadrados, estarán obrigados a ter un plan específico.
A lei impón tamén outras obrigacións, como a de que os establecementos de hostalería terán que poñer ao dispor do cliente a comida non consumida para levala, se así o solicita.