O Goberno central responsabiliza a Portos da retirada de area no paseo marítimo de Laxe

Paseo de Laxe_GOOGLE MAPS

  • O BNG elevara ao Congreso dos Deputados o problema coas inundacións nesa zona e na rede de saneamento

O BNG recibiu resposta ás preguntas elevadas ao Congreso dos Deputados relativas á acumulación de area no paseo marítimo de Laxe, e tamén nas proximidades do peirao vello, que provoca problemas na rede de saneamento e da traída ademais de inundar a zona. Iso si, a resposta non é ningunha sorpresa para os nacionalistas, xa que desde o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico atribúen e responsabilizan a Portos de Galicia a retirada de area da parte baixa do paseo marítimo formada como consecuencia das obras de prolongación que no seu día acometera este ente no peirao comercial.

Na carta emitida polo Goberno central aclárase que as inundacións na zona baixa do paseo son provocadas porque a cota á que se atopan os sumidoiros de recollida de pluviais está moito máis baixa que a da altura das dunas, e desde o Ministerio de Transición aseguran que esta situación «se podría evitar canalizando las aguas pluviales a las aguas del puerto, tema que ya conocen y deben ejecutar el Ayuntamiento y Portos de Galicia».

Por este motivo, desde o BNG de Laxe apelan «por enésima vez» ao ente autonómico a retirar de xeito «contundente» o exceso de area da parte baixa do paseo e non só «nas cantidades nin no tramo no que o vén facendo esporadicamente senón en moita máis zona e con máis asiduidade».