O Goberno coruñés reforza a atención ás persoas sen fogar

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local autorizou a sinatura do convenio para que a institución benéfica Padre Rubinos lle ceda ao Concello a súa antiga sede en Labañou por un prazo de 25 anos. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que coa sinatura deste acordo «damos o primeiro paso para que as instalacións se convertan nun centro de baixa esixencia, co fin de atender as persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade». O Goberno local realizará unha reforma do inmoble, que se financiará cunha partida de 523.000 euros procedente dos fondos europeos EIDUS e con achegas municipais.

Este centro, apuntou a alcaldesa, é de vital importancia para a cidade desde que se pechou o centro Abeiro, aberto polo anterior executivo, que non contaba coa autorización da Xunta e onde se puxo en risco tanto o persoal traballador como as persoas usuarias ao non estar adaptado á legalidade. «Este Goberno mantense firme no seu compromiso de non deixar a ninguén atrás ao pór en marcha todos os mecanismos para atender as persoas máis vulnerables e facelo en condicións seguras», dixo a rexedora.