O goberno local da Laracha elevará ao Pleno deste venres a proposta de modificación puntual da relación de postos de traballo (RPT) que se promove coa finalidade adecuar a nova estrutura dos servizos económicos do Concello á existencia de dous postos de habilitados nacionais nese departamento.
Esta iniciativa, que foi sometida este martes a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais, implicaría a amortización por duplicidade de funcións dun posto vacante na RPT (técnico de intervención) e a creación de dous novos postos, que serían o de tesoureiro (funcionario de Administración Local con habilitación de carácter nacional) e o de auxiliar administrativo.
No caso de que o Pleno aprobase o venres esta proposta, o acordo sería publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e estaría en exposición pública por un período de vinte días.
Cabe lembrar que ao Pleno tamén será elevada a proposta do goberno local para destinar os fondos procedentes do Plan provincial POS+2018. A sesión, que ten carácter ordinario, celebrarase o venres a partir das 13:30 horas.