O Goberno da Laracha proporá mellorar o abastecemento en Cabovilaño e Lemaio co remanente

Concello de A Laracha_GOOGLE MAPS

  • O acordo plenario deste venres permitiría dispoñer dos fondos para contratar as obras e iniciar os traballos con carácter de urxencia

Este luns na Laracha celebrouse unha sesión da Comisión Informativa Permanente de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas para, tal como se anunciara a semana pasada, someter a ditame a aprobación dun suplemento de crédito e un crédito extraordinario que posibilitarían incorporar aos orzamentos municipais 236.546,70 euros, procedentes do remanente líquido de tesourería, para executar diversas actuacións de interese xeral. Este asunto será elevado ao Pleno ordinario que se celebrará o venres.

«Dese suplemento de crédito, 75.000 euros terían por finalidade incrementar a partida orzamentaria destinada á mellora das infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga», sinalan desde o Goberno local. Con ditos fondos, máis a consignación xa existente nos presupostos ordinarios, o Concello pretende executar con carácter urxente un importante proxecto valorado en 85.000 euros que ten por finalidade reforzar a traída na parte alta da parroquia de Cabovilaño e na de Lemaio. Nesas zonas, en especial nos núcleos de Nogán, Cardois, Xeriz, Tuixe e A Teixoeira, detectouse que, de xeito puntual e unicamente nos momentos nos que se producen os picos de maior consumo –localizados na época estival-, o caudal de auga e a presión vense afectados en determinadas vivendas. Con estas actuacións resolveríanse o problema.