O Goberno de Muxía adxudica as obras da auga de Suxo

1 minutes read

O Concello de Muxía adxudicou este martes as obras de creación da rede de abastecemento de auga potable en Suxo, cumprindo o actual Goberno deste xeito unha promesa histórica do municipio. A intervención conta con todos permisos necesarios aceptados e está previsto que as obras dean comezo nas vindeiras semanas.

Tras o anuncio, o alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou que “este goberno local, de tan só tres persoas, conseguiu facer realidade a maior promesa desta lexislatura, unha promesa feita por innumerables gobernos con maioría absoluta pero do que ninguén fixo nada ata agora”.

Ademais, Toba amosouse “contento por terlle demostrado a toda a veciñanza que, tras moitas loitas e trabas, este goberno cumpre coa súa palabra.

Tamén engadiu que “espera unha desculpa pública a toda a veciñanza de Suxo por parte da portavoz do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, por faltar á verdade en varias ocasións e afirmar en reunións recentes con todos eles que o goberno non tiña proxecto, nin permisos, e que todo era unha mentira. Unha vez máis, o tempo poñe a cada un no seu sitio, desmontando as xustificacións de toda a oposición que traballaron en contra dos intereses da veciñanza”.

Por último, o rexedor amosou a súa satisfacción de ter sacado adiante esta histórica obra, xunto coa gardería e a estrada de Lago a Leis. Tamén quixo agradecer o traballo incansable dos concelleiros Javier Romar e Olalla Benlloch, que dunha forma fundamental foron imprescindibles para que esta importante obra teña xa posta a súa primeira pedra, concluíu.