O goberno de Muxía suma apoios da oposición para aprobar o POS+2022

1 minutes read
  • As obras propostas pola oposición estarán enmarcadas no Plan Único complementario

Finalmente hai un principio de acordo para aprobar o POS+2022 en Muxía. Durante a mañá deste luns celebrouse unha comisión informativa na que o PP puxo de manifesto que se abstería para salvar o Plan de Obras e Servizos da Deputación cuxa primeira proposta, realizada polo equipo de goberno, fora rexeitada polos populares e o grupo dos non adscritos.

Este mércores 23 de febreiro, a partir das 20:00 horas, celebrarase unha sesión plenaria na que, se parte da oposición cumpre coa súa palabra, se aprobará un plan dotado con máis de 800.000 euros.

Segundo sinalan desde o Concello, durante a xuntanza deste luns acordouse que as obras propostas pola oposición nun POS alternativo pasarán a formar parte do Plan Único complementario. Trátase das obras de mellora dos viais de Armear a Labexo, Agreiras-Castelos e o de Caberta. Tamén se intervirá na depuradora de Quintáns e na estrada que une Moraime con Oruxo.

Por outra banda as zonas de Martineto, Buiturón, Figueroa e Bardullas e outros núcleos rurais como O Castro ou San Martiño contarán cunha serie de intervencións que desde o equipo de goberno consideran «fundamentais para o progreso na calidade de vida da veciñanza do noso rural».

«Estamos contentos porque, a pesar do esforzo extra que tivemos que facer desde o grupo de goberno, sabemos que este plan de obras é o que Muxía necesita e é unha tranquilidade enorme que finalmente saía adiante», destacou o rexedor socialista, Iago Toba.